Sorpréndenme a estas alturas os prexuízos que aínda ten moita xente do mundo da cultura (tamén algúns escritores) contra a literatura infantil e xuvenil. Hai uns días Antonio García Teijeiro declaraba a este xornal que os autores que se dirixen ao público infantil e xuvenil son considerados habitualmente escritores de segunda categoría. Desgraciadamente leva razón. Hoxe por hoxe existe un menosprezo, tamén académico, implícito nos comportamentos e nas actitudes (cando non explícito), ante a literatura infantil. E resulta tamén moi revelador o baleiro sistemático que os lectores adultos lle facemos á literatura infantil á hora de escoller un libro para as nosas lecturas.
Ao meu ver, o que está claro é que existe un gran descoñecemento en torno ás aportacións, ao valor, ao papel, á tradición e á historia da literatura infantil e xuvenil, que en Europa é riquísima.
A literatura infantil está sometida a unha fortísima presión comercial (iso é certo) que deforma unha boa parte do seu corpo, e por veces (tamén é certo) aparece ferida por un tremendo sometemento ao mercado. Un dos principais problemas que o lector (ou o mediador) ten ante a literatura infantil é a súa dificultade para distinguir aqueles títulos que son bos e pagan a pena daqueles outros que non teñen interese nin valor literario ningún. E boa parte dese problema radica no desinterese académico pola LIX e, en consecuencia, na lamentable falta dunha crítica seria que oriente ao lector (e ao comprador) e dun espacio que lle outorgue unha presencia digna nas revistas e suplementos literarios.
A pesar de todo, a literatura infantil realiza unha achega, por veces revolucionaria, de desinhibición, de orixinalidade, de frescura e de atomización estilística e sintáctica que moi poucas veces ten sido explorada pola literatura para adultos. E a literatura infantil ten, máis que nunca e máis que calquera outra, todo o futuro por diante.