Fran Alonso presenta un libro orixinal que tradea algúns buracos neste panorama de inmobilidade mórbida que domina a literatura
Arelantes estabamos os amantes da boa narrativa de volver escoitar a voz dun dos autores máis singulares do sistema literario deste país. A de Fran Alonso, outro escritor todoterreo da nosa lingua que frecuenta practicamente todos os xéneros, e ao que atopamos así mesmo na orixe de moitos proxectos. Os que el dirixe profesionalmente e aqueloutros que incentiva. Non esquecemos ao Fran Alonso poeta, nomeadamente ao pai de Tortillas para os obreiros nin ao autor de reportaxes ateigados de humanidade e de ferrollos aguilloantes da nosa indiferencia como Territorio ocupado. Mais este lector devecía por volver catar páxinas como as de Tráiler, Cemiterio de elefantes ou Silencio. Agradabamos unha entrega narrativa de Fran Alonso e esta chegou baixo o chapeo dun título que practicamente xa o di todo, Males de cabeza. E co libro arribou as nosas mans un texto a xeito dos indicadores de propiedades que acompañan ás especialidades farmacéuticas, froito sen dúbida do alento sagaz e humorístico do propio autor e do que non me resisto a transcribir algunhas verbas. Males de cabeza é un medicamento contra as incontables e variadísimas tolemias do noso tempo. Contra demencias e toleadas. Contra os desatinos, que non soa tan forte, pero son igual de perigosos. Co seu contido –fluoxetina literaria– viaxamos ao lado escuro das nosas existencias e defendémonos contra as hipocrisías sempiternas. «A súa lectura combate ese vento que sopra desde as entrañas da cultura urbana contemporánea e que nos arrastra entre as follas invisibles dunha neurose colectiva». Cápsulas en formato libro. Envase con varias lecturas no interior. A súa actividade desprégase como un inhibidor selectivo da recaptación literaria da serotonina e da conciencia. A súa acción íspenos das tensións e contradiccións do noso tempo e da nosa sociedade, abrindo un coloquio coa tradición literaria e cinematográfica que recrea a tolemia. Provoca a reflexión sobre as ansiedades asociadas, amosándonos unha ollada, moi orixinal, moderna e literaria, verbo da tolemia próxima e cotiá e aqueloutra ancorada intramuros dos psiquiátricos. Non fai falla adoptar especiais precaucións, porque esa ollada que Males de cabeza deita sobre a condición humana, elaborada por veces con tenrura, outras con dureza, é necesaria para espertar a nosa conciencia adurmiñada. Con todo, algunhas das súas páxinas poden provocar taquicardias. Ata aquí a transcrición ou a paráfrase das indicacións deste fármaco literario chamado Males de cabeza e que, abofé que si, describen á perfección o núcleo argumental da obra. Con efecto, Males de cabeza é un itinerario aos mundos da tolemia. Mundos plurais e polimorfos, pois poden variar de forma sen variaren a súa natureza. Aos universos dementes que a nosa sociedade esconde detrás das paredes, hoxe quizais de cristal, dos modernos manicomios. Alí estacionamos aos tolos para os que a tolemia é unha loucura de auténticos tolos. Na viaxe, sérvenos de guía e mestre de cerimonias un tolo que se cre gato. Un gato triste e solitario que, coma tal, só toma peixe e leite. Pola tecedoira da súa ollada desfilan as distintas demencias oficiais. En relatos moi curtos de escasamente unha páxina, iremos descubrindo aos tolos da unidade de agudos que se cren cans, criminais, verdadeiros bulldogs; aos paranoicos que xulgan aos demais desde a súa torre; aos tolos cans de palleiro que viven nun universo irreal e actúan a traizón; aos pobres neuróticos que espernexan, náufragos nun océano de aceite; aos obsesos do sexo, habitantes dos sotos máis profundos, pequenos cánidos, toliños por violaren aos felinos. En fin, aos que nin sequera saben quen son. Mais como a tolemia é un sombreiro que se quita e se pon a conveniencia –velaquí a idea central do libro– , loce na cabeza dos distintos habitantes do mundo exterior. Daquela que tamén nos decatemos que o noso territorio cotián se atopa inzado de chalados, oficialmente denominados dementes de baixa intensidade. Na actualidade ninguén se libera dalgunha tolería. ¡Nin sequera as vacas foxen da mesma! É na recreación literaria destas loucuras cotiás onde Fran Alonso loce as súas armas de excelente narrador. Trátase de relatos de formato intermedio nos que ganduxa os fíos de verdadeiras historias que reflicten as mil caras dos trastornos dos nosos días. Historias esperpénticas, mordaces, vitriólicas, estremecedoras, tenrísimas. De todo hai –os modelos das loucuras cotiás son infinitos– neste libro que se alicerza nunha estructura dicotómica, que recibe as pegadas da tradición literaria e cinematográfica que conforman a nosa cultura, comezando polo influxo de obras anteriores do mesmo autor, tirados especialmente do poemario Tortillas para os obreiros. Libro moi orixinal en definitiva, renovador que tradea algúns buracos neste panorama de «inmobilidade mórbida» que domina a literatura galega nestes intres.
Reseña crítica sobre Males de cabeza (Marzo 2001)