Centro de Documentación da AELG
A area maior de Manuel M.Barreiro
marzo de 2003
Alonso, Fran
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Texto lido na presentación do libro Area Maior, de Manuel M. Barreiro

Manuel M. Barreiro é un tipo con carácter, aínda que a barba lle dá un aspecto moito máis serio do que realmente é. En serio é un tipo bromista. Naceu en Caracas, Venezuela, en 1961, empuxado polas mans da emigración, pero a súa auténtica patria son a revolución bolchevique (que perdeu no camiño hai moitos anos) e as augas da Praia dos Muíños e Area Maior, na Costa da Morte, Galiza. Por circunstancias da vida, é licenciado en Historia, especialista en arqueoloxía, e din as malas linguas que o mellor arqueólogo con visión de futuro. Na actualidade exerce como coordinador de edición en Xerais, logo de pasar polos máis diversos e mesmo inverosímiles traballos (máis, incluso, que o actual), desde a Universidade de Santiago de Compostela ao Concello de Vigo.
Manuel M. Barreiro ten algo de cangrexo (e niso parécese a Adrián, o protagonista de Area Maior) porque ás veces camiña para adiante e ás veces faino para atrás e, salvo el, nunca se sabe ben cara a onde vai. A estratexia é boa pero provócalle frecuentes lesións de menisco, polo que recentemente tivo que ser operado, a pesar do cal non perdeu nin unha gota dese sangue mesto, político, vital, entregado e xeneroso que leva dentro.
Ademais de participar activamente en diversos campos da vida política practicamente desde que naceu (cousa que el sempre negará, o de nacer), a súa paixón é botar unha man na organización da vida dos campesiños e campesiñas refuxiados nunha illa chamada Zapatera, situada nun lago de Nicaragua, e á que acode, puntualmente, case todos os anos. A súa cabeza (e o corpo vai detrás) sempre anda metida en proxectos de solidariedade cos máis oprimidos por este mundo inxusto,  canalla e belicoso en que nos tocou vivir. Dentro dun mes, cun sombreiro jipijapa na cabeza e a canción de Nicolás Guillén e Paco Ibáñez rumiando nos beizos, váisenos a Bolivia, a percorrer o altiplano. É precisamente a súa afección á viaxe e, sobre todo, ao laio evocador e romántico do tren, o que fai que viva en Ames, perto de Compostela, e veña a traballar diariamente a Vigo, soñando con que un día lle concedan a categoría de Socio de Honra da Renfe.
Manuel M. Barreiro leva escrito un feixe de ensaios, artigos, colaboracións de distinta fasquía e algúns libros para diversas editoriais sobre esa materia chamada Historia e os seus pintorescos personaxes. Pero Manolo Barreiro é, sobre todo, un militante da verdade, da palabra e da esperanza, un articulista ácido e mordaz, un orador maxistral e un estratega cunha visión política digna de eloxio. E, ademais, é un deses amigos imprescindibles dos que un sempre pode botar man para non ter que chamar ao fontaneiro das ideas. Esta é a primeira vez que escribe ficción. A feliz ardora das súas augas comeza con este libro.  Desde a amizade, para el, gracias por poñer, unha vez máis, o dedo sobre a chaga.

OSZAR »