Centro de Documentación da AELG
Entrevista a Fran Alonso
Autores/as relacionados/as:
Fonte: El Correo Gallego

A concepción da literatura coma unha arte, a súa valoración como creación artística ¿cre vostede que ven sendo debidamente contemplada nos anos máis recentes da Historia da Literatura?

O obxectivo dos manuais máis recentes, ó meu ver, debe ser o de facer unha análise valorativa de toda a historia da literatura partindo de xuízos e presupostos culturais contemporáneos a nós, reinterpretando a historia e apuntando as liñas e poéticas que definen o presente. Logo, o tempo ten que facer o seu traballo e levar a cabo os axustes precisos que a falta de perspectiva histórica hoxe nos impide ver, resituando liñas, poéticas e autores.

¿Cómo situaría vostede a creación literaria galega respecto das literaturas europeas actuais?

Ante todo, debemos aceptar que a literatura galega é unha literatura periférica (a pesar de que camiñamos cara un hipotético centro), como tal literatura que se desenvolve nun sistema non normalizado e que pertence a un país sen estado. Pero, na miña opinión, hoxe por hoxe, a literatura máis interesante que se está a facer en todo o mundo provén precisamente da periferia e das culturas da periferia, que eu reivindico. Por iso afirmo, con total convencimento, que non creo que a literatura galega teña moito que envexarlle a outras literaturas europeas, salvo ese sistema literario consolidado que lles permite ós autores e autoras relacionarse cos lectores e lectoras desde a normalidade.

¿E como valoraría no seu conxunto e respecto dos do seu propio contexto o noso sistema literario, é dicir, as institucións públicas e privadas, o mercado que se establece ó redor do proceso de edición desas criacións artísticas, qué consideración lle merece se o referencia cos do seu propio ámbito?


Como dixen, a nosa literatura desenvólvese nun sistema literario non normalizado, por moito que os escritores persigamos a súa normalidade (niso consiste a anormal normalidade da literatura galega). E o seu futuro vai depender, sobre todo, do proceso de normalización lingüística e de que os medios de comunicación saiban xogar un papel digno e referncial no ámbito da nosa cultura, especialmente nun país que aínda vive de costas a si mesmo.

¿Podería situarnos a súa propia obra no sistema que lle é propio?

A miña obra nace, desde unha vocación profundamente universal, nunha cultura periférica á que pertence e reivindica, de seu e en relación con outras, e coa vontade de construír un universo orixinal que lance unha mirada reinterpretativa sobre o tempo que me tocou vivir.

Qué tres nomes da nosa crítica literaria son, ó seu xuízo, aqueles que están a cumplir-lo labor orientador imprescindible en toda literatura, ou consideira que adoito e maiormente prevalecen ás razóns de mercado, caso no que non é imprescindible que nos dea nome ningún de crítico que ó seu entender exemplifique esa actitude no seu maior grao.

Creo que en Galicia existe unha importante crítica literaria de ámbito universitario que está en camiño de consolidación e realiza un labor referencial. Sen embargo, temos unha evidente carencia desa figura fundamental do crítico (que desempeña o seu labor máis como reseñista que como crítico) que ten como misión orientar o lector de xornais e revistas. Salvo algunhas excepcións evidentes, as persoas que podían realizar este labor non existen, non atopan espacios, ou non acaban de asumir en que tipo de plataforma e para que público escriben.

¿Podería  referirse á obra que teña neste momento en proceso de redacción?


Nestes momentos estou a piques de poñerlle o punto final a un libro de poemas titulado Subversións e teño os proxecto de tres novelas bastante madurados (dúas para adultos e unha infantil) e aínda non sei por cal delas comezarei.


OSZAR »